Que se estuda neste ciclo?
Neste ciclo apréndese a realizar sesións de animación musical e visual, captación e gravación de son, fotografía dixital, edición de vídeo, mestura de son, iluminación de espectáculos e produción audiovisual.
Cales son os requisitos para acceder ao ciclo?
Para acceder ao Ciclo de Vídeo Disc-Jóckey e Son (grao medio) debes cumprir algún dos seguintes requisitos:
- Ter o título da ESO.
- Ter un título de Formación Profesional Básica.
- Ter un título de Técnico de Formación Profesional (grao medio).
- Ter un título de Técnico Auxiliar.
- Ter unha titulación universitaria ou equivalente.
- Ter aprobado o segundo curso de bacharelato unificado polivalente (BUP) ou ter un máximo de dúas materias pendentes no conxunto dos dous primeiros cursos.
- Ter superado o segundo curso do primeiro ciclo experimental da reforma das ensinanzas medias (REM)
- Ter superado o terceiro curso do plan de 1963 das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos.
- Ter superados estudos equivalentes aos anteriores.
- Ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
- Ter superada a proba de acceso a ciclos formativos.
Se non cumpres ningún destes requisitos, podes informarte sobre as probas de acceso que convoca cada ano a Consellería de Educación.
Que coñecementos previos preciso?
Non é necesario ter experiencia previa en vídeo, fotografía ou son. É un ciclo ideal para persoas interesadas na produción audiovisual, eventos en directo e son profesional.
Cal é a nota de corte?
A nota de corte varía cada ano segundo a demanda e o número de prazas dispoñibles. Recoméndase consultar o proceso oficial de admisión cando se publique a oferta de cada curso.
Cando é o prazo de inscrición?
O prazo de inscrición para o curso 2026-2027 é do 15 de xuño ás 9:00 ata o 30 de xuño ás 13:00 horas. Unha vez feita a inscrición, o alumnado participa no proceso de admisión, no que se asignan as prazas dispoñibles. No caso de ser admitido/a no ciclo, deberás formalizar a matrícula online ou no centro entre o 10 de xullo ás 9:00 h e o 15 de xullo ás 13:00 h.
Cal é a duración e o horario do Ciclo?
O ciclo dura dous anos e inclúe prácticas en empresas de aproximadamente 3-4 meses (500 horas). O horario é de mañá de 8:45 a 14:25 e dous días á semana en horario de tarde de 16:00 a 18:30, que se comunican ao alumnado ao inicio do curso escolar.
Que material preciso levar?
Ademais do material escolar básico, terás que levar sempre contigo un disco duro externo para gardar os teus proxectos, tarxeta SD para operar coas cámaras de foto e vídeo e coas gravadoras dixitais, e un pendrive para trasladar arquivos entre ordenadores con máis rapidez. Tamén se precisan auriculares para as mesas de mesturas, un polímetro e un soldador de estaño para traballar no taller. O primeiro día de clase, os docentes detallarán as especificacións destes materiais. E nada máis, porque o centro dispón de equipos para prácticas, incluíndo un ordenador por alumno e unha controladora de DJ por alumno.
Con que equipos conta este ciclo?
O ciclo conta con equipamento profesional de última xeración, incluíndo cámaras DSLR e 4K, estabilizadores gimbal, iluminación LED, mesas de luces, fondos de estudo, proxectores e mesa de realización no estudo de televisión. En son, inclúe mesas de mesturas, controladoras de DJ, micrófonos profesionais, cabina de DJ, gravadoras de son dixital multipista e interfaces de audio como Focusrite. Para edición e produción empréganse ferramentas estándar da industria como Cubase, Traktor e Adobe Creative Suite, con ordenadores individuais para cada estudante.
O ciclo conta con prácticas profesionais?
Si. O ciclo inclúe unha fase de formación práctica en empresas do sector audiovisual, que o alumnado debe superar para poder obter o título.
En que empresas se fan as prácticas?
As prácticas realízanse en empresas do sector audiovisual e do espectáculo, como produtoras audiovisuais, estudos de gravación, estudos de dobraxe, emisoras de radio e televisión, empresas de son e iluminación, eventos, salas de concertos, teatros e outros servizos relacionados coa produción audiovisual.
Teño que pagar para estudar este ciclo?
Non. Trátase dun ciclo formativo impartido nun centro público, polo que a matrícula é totalmente gratuíta. O alumnado só ten que aboar o seguro escolar obrigatorio, cun custo inferior a 2 euros. Ademais, poden existir pequenos gastos en material persoal, como material escolar básico (libretas, bolígrafos, etc.) ou dispositivos de almacenamento, como discos duros ou memorias USB, para gardar os proxectos.
Como podo desprazarme ata Noia? Preciso trasladarme a vivir?
Moitos alumnos e alumnas desprazanse diariamente desde concellos próximos. Vivir en Noia non é obrigatorio, aínda que dependerá da distancia e dos medios de transporte dispoñibles na túa zona.
Que saídas profesionais ten?
Ao rematar o ciclo poderás traballar como disc-jóckey, técnico/a de son, microfonista, axudante de montaxe de son, retocador/a fotográfico dixital ou en empresas de produción audiovisual, espectáculos e eventos.
Que podo estudar despois deste ciclo?
Poderás acceder directamente ao Bacharelato, cursar outro ciclo de grao medio ou acceder a ciclos de grao superior.
Onde se imparte?
O ciclo impártese no IES Virxe do Mar, un centro público de educación secundaria e formación profesional en Noia (A Coruña), sen carácter relixioso.